miércoles, 25 de junio de 2014

A vida de Pi, avaliación

Tentaremos avaliar os contidos aprendidos e tamén os procesos de aprendizaxe, mediante unha técnica creativa de asociación de Ideas. Propomos ver varias imaxes relacionadas entre si e elixir entre elas aquela máis se refira a túa experiencia respecto dos contidos que aprendiches e dos procesos que se levaron a cabo na aula. Non hai respostas correctas ou erróneas, só é importante que expreses a realidade tal é como ti a percibes e te deixes guiar polas túas emocións ao ver ás imaxes. Logo tenta reflexionar que te levou a tomar a decisión e introduce un comentario debaixo. 

Avaliación 1: Contidos aprendidos. Trátase de que te fixes nas imaxes desde a perspectiva do que pensas que aprendiches e vexas que che suxiren e cal se aproxima mais a túa experiencia. 


Avaliación 2:Proceso. Trátase de visualizar que procesos de traballo aprendiches, para iso debes fixarte nas imaxes da presentación seguinte e ver que te suxiren e cal se aproxima máis a túa experiencia. 

lunes, 2 de junio de 2014

A Vida de Pi: Selección de escena

ESCENA: O AFUNDIMENTO




Eu elixín a escena na que o barco no que iba Pi e a súa familia, xunto con todos os animais do zoolóxico e outros pasaxeiros se afunde no fragor dunha tormenta na zona da fosa das Marianas. Para esta elección baseeime principalmente en criterios estéticos. Fasciname a imaxe da mole do navío sumerxida no mar de tormenta con todas as luces aínda acesas, e Pi observándoo desde ese espacio calmo que hay baixo a superficie do mar bravío, mentres ao seu redor os animais tratan de fuxir á desesperada, e nos atopamos ca curiosa estampa dunha zebra buceando, por exemplo. Ademais, todo isto vai envolto en certo ambiente místico ou espiritual, que fai referencia á temática principal da película… ¿Foi aquí onde coñeceu a Deus Pi?

Minia Monteagudo Vilavedra 4º A

A verdade e A Vida de Pi

A largometraxe de A Vida de Pi invítanos a reflexionar sobre a verdade e o que é ou non real. ¿Cales son os límites? ¿Por qué non había de ser real calquera cousa imaxinada? ¿Cómo podemos saber se algo efímero, como uns feitos, existiron realmente, cando  non hai testigo nin proba empírica que o poida corroborar? En definitiva... ¿Por qué nos custa tanto creer que a historia de Pi fora verídica?

Pode que nada do que damos mesmo por obvio sexa real. Poida que nós non existamos, pode que algún feitos científicos que aceptamos acerca do mundo que o home moderno afirma con convicción coñecer sexan todo proxeccións dos nosos sentidos, interpretadas e melloradas ao longo dos anos a través da tecnoloxía e dos nosos presuntamente perfectos sistemas de deducción e razoamento.

Pensádeo... ¿E se vivísemos na caverna?

Minia Monteagudo Vilavedra 4º ESO

jueves, 22 de mayo de 2014

Reflexións finais sobre a Vida de Pi

Ao longo destes meses, a nosa actividade xirou aoredor desta película. Abórdamola desde moitos  ángulos, agora  redactamos as nosas conclusións finais nun só documento e iniciamos unha andadura en solitario, nun novo nuevo blog que agardamos serva de referencia para todos aqueles que  queiran traballar na aula coa película. 
La Vida de Pi, reflexiones filosóficas alrrededor de una película


miércoles, 23 de abril de 2014

O belo e o sublime

A busca dun sentido para a súa vida empurra a Pi de relixión en relixión. Do hinduísmo materno ao cristianismo final, pasando polo islam e o xudaísmo. Pero o verdadeiramente importante é segundo Pi é Deus, non tal ou cal relixión. De cada unha delas toma aquilo que se serve para entender a vida. Deus é a experiencia mística que Pi anda a buscar durante toda a película. En moitas esceas podemos ver o seu carácter relixioso e místico:
Pi enfrontándose á tormenta e descubrindo a súa beleza, 

Pi ao borde da morte resignándose ante Deus

Pi elixindo unha historia…. 

Ata cando Pi escolle unha explicación matemática para o seu nome, escolle un número irracional, un dos números máxicos por antonomasia.  


A necesidade de entender a natureza foi unha das primeiras motivacións relixiosas da humanidade. Moitos séculos despois a arte romántica seguirá tentando amosarnos o sublime como unha manifestación da impotencia do ser humano e a necesidade de comprender que este ten. 
Pero a beleza e a súa expresión máis dramática, o sublime, está na propia natureza o mais ben na nosa percepción dela? Esta é unha cuestión relevante, pois se é o propio ser humano o que da "sentido" á natureza, quizáis a fe da que fala Pi, no é verdadeiramente máis ca froito dunha elección individual. 

Kant expresa o sentimento do ser humano diante da natureza da seguinte maneira:


As rochas que avanzan atrevidamente semellando ameazarnos, as nubes de tormenta amontoadas no ceo e avanzando entre relámpagos e tronos. Os volcans, con todo o eu poder destrutivo, os furacáns que deixan unha estela de devastación, o ilimitado mar na súa cólera, unha alta catarata, nun poderoso río, cousas así reducen á impotencia a nosa capacidade de resistencia, ao comparala co seu poder.  Imanuel kant. De lo bello y lo sublime.

E os pintores románticos souberon coma ningúen expresar isto: 
 
Pero esta sensación do "sublime" que provoca en nós a natureza e nos fai pensar nun Deus omnipotente, unha sensación que xurde por unha cualidade da propia natureza ou, mais ben, por a nosa mirada sobre ela? A natureza é sublime ou somos nós que a vemos así? A Vida de Pi fainos refelxionar sobre isto.

Se nos decantamos pola segunda parte da nosa dúbida, quizais deberamos mirar dúas veces a escenografía da película. Os escenarios que nos propón están pensados para suscitar en nós esas sensacións, como xa o fixeran os románticos no século XIX. Escoita o fragmento da conferencia de Pilar Tobar para o ciclo de conferencias A Voltas co cine e, despois dá a túa opinión sobre a escenografía da película e á relación que garda cos paisaxes románticos, co concepto de "sublime" e coa experiencia relixiosa.



jueves, 20 de marzo de 2014

Verdades e eleccións

A escena definitiva, a que da sentido á película é a confesión final de Pi, diante dos investigadores. Dúas historias, a mesma causa e os mesmos efectos, unha crible e outra incrible.


 A primeira historia de Pi é unha fábula e, coma todas as fábulas está representada por animais pero baseada na condición humana. Catro animais nunha barca, dous herbívoros e dous carnívoros, a verdadeira oposición da natureza, e entre eles Pi, o ser humano que debe loitar para sobrevivir. A dicir de Nietzsche o ser humano fuxe da verdade cando é desagradable e perigosa.
Tamén á verdade aspira o ser humano meramente en tal sentido limitado: apetece as consecuencias agradables, positivas, da verdade; non lle interesa o coñecemento puro, sen consecuencias, sendo incluso hostil ás verdades susceptibles de surtir efectos prexudiciais e destrutivos. Nietzsche: De verdade e Mentira en Sentido Extramoral,

Por qué inventaría  Pi esa historia? A que realidade intenta non enfrontarse?
A segunda historia só pode ser contada a través da bágoas. Pi nárras coma se fose unha mera alternativa, non real do que sucedeu para conformar aos seus interrogadores. E eles rematan por coincidir con Pi e non reflicten esta última historia no seu informe. Semella que fora o seu protagonista o que puidera decidir cal era a verdade, coma si fora só o ser humano o que puidera botar luz sobre a realidade.

O real non nos chega,  sostennos, impúlsanos,  limítanos y e danos ás, pero non nos basta. A intelixencia inventa sen parar posibilidades reais, que non son fantasías senón ampliacións que a realidade admite cando a integramos nos nosos proxectos. O mar, grande obstáculo, pode converterse en medio de comunicación (…) A realidade enteira queda en suspenso agardando que o ser humano remate por darlle luz. J.A. Marina: Ética para náufragos


Por iso Pi pregunta ao escritor con cal das dúas versión se quedaría. Parece pensar que é unha cuestión de elección, como se as cousas foran o que son e ao mesmo tempo o que poden ser. O mesmo que o ser humano que é un ser híbrido entre as súas propiedades reais e as súas posibilidades, entre a realidade e o desexo. 

E tí que historia consideras verdadeira? Cales son as sinais de identidade que a fan mellor historia: a beleza, a coherencia, a verosimilitude, a experiencia...? 

miércoles, 19 de marzo de 2014

Un Tigre interior

Lavanda Williams de 4º A envíanos a súa reflexión sobre a escena que máis lle impactou na película  

"Escollín  escena, na que  Pi loita por domar a  Richard Parker, o  tigre de bengala, e por conseguir dunha vez por todas o seu espacio  propio na balsa.

       Non a seleccionei por ser unha parte moi vistosa ou impresionante, como poden ser outras: o salto da balea ou os miles de suricatas  que o reciben na illa da súa salvación, senón  considerala unha parte fundamental da longametraxe. No  momento que Pi decide marcar os límites entre o tigre e él, comezan a respectarse máis as dúas personaxes. Se vemos este feito desde unha perspectiva interior, logramos entender que Pi loitou contra a súa parte máis salvaxe, que é a que representa Richard Parker, logrando dominala e dando lugar a unha convivencia máis pacífica no seu interior.

       Para iso ten que  amaestralo e coaccionalo con pequenos trozos de peixe, chegando así a un acordo común no  que as dúas partes gañan. Gracias en parte a este suceso, a súa  convivencia faise menos tensa e violenta, aínda que esa parte salvaxe de Pi se manteña presente ata a fin da viaxe, coa súa chegada a México." 

jueves, 13 de marzo de 2014

Historias de naufraxios

Os náufragos e os naufraxios son tema literario por excelencia. Semella que o foron fundamentalmente na literatura do século XIX, cando as viaxes por mar e as exploración a de novos territorios eran máis comúns. Porén seguen como vemos gozando de boa saúde, quizais porque son unha metáfora da inevitable soedade do ser humano e do abismo ao que se asoma cando queda só consigo mesmo.

Este domingo puidemos leer dous artigos moi recomendables sobre este tema. Os dous no periódico El País:
Símbolos de nuestra soledad por Jacinto Antón: http://internacional.elpais.com/internacional/2014/03/22/actualidad/1395515310_731290.html
La  fascinación por los naufragios por Luis Prados
http://cultura.elpais.com/cultura/2014/02/01/actualidad/1391214982_705389.html

E para ti, cal é a túa historia de naufraxios favorita?


miércoles, 12 de marzo de 2014

Comentando escenas de "A Vida de Pi"

Non comezamos polo principio, senón polas eleccións do alumnado. A escena dos peixes voadores semella unha das que máis gustou a todo o mundo. Por qué?  Por suposto non porque sexa central na película, nin sequera pola tensión que xera no espectador... quizais inconscientemente vexamos algo máis nela. Que pode ser?


 

Cando mais famentos están os protagonistas desta estraña viaxe, cando están cansos e desesperados, a comida cae do ceo, coma se fose un "maná" nunha escena trepidante na que os peixes voadores pasan por riba da barca, do tigre e de Pi, sen poder evitar quedar algúns na barca. Ao mesmo tempo que isto ocorre vemos tamén o ciclo da vida, o peixe grande come o pequeno, para quedar el mesmo, finalmente, atrapado na barca e ser comido por Pi, non sen antes loitar con por el co Tigre. 

Cal é a lección que temos que aprender... Qué somos parte dun ciclo natural no que uns comen e outros son comidos? Que a loita pola supervivencia fai que nos enfrontemos a case todos os perigos? Que aínda nas maiores adversidades sempre ven na nosa axuda a natureza?...

Todo iso e mais é o que nos quere transmitir esta escena. Porén, se nos fixamos detidamente, é na loita entre Pi e Richard Parker onde está a maior ensinanza. Se o tigre é un "alter ego" de Pi, o seu lado máis salvaxe e instintivo, a loita entre Pi e o Tigre polo peixe mais grande semella unha loita entre o instinto de devorar todo o que se presenta, contra a razón, que preveu e garda para despois, aínda que iso supoña dominar o instinto. O ser humano contra a súa natureza animal e salvaxe, o Pi racional, contra o Pi máis irracional, nunha nova faciana da loita que representa toda a trama argumental da película. 

E, para ti, cal é a túa escena favorita e por qué? 


viernes, 7 de marzo de 2014

A viaxe de Pi

Pi naufraga na fosa das Marianas, o lugar máis fondo da Terra. Este abismo abraíanos e é fonte de inspiración para artistas, directores de cine e escritores.



Aquí podedes ver unha recreación dixital deste lugar:


ABC ciencia
A posición da Foxa das Marianas pódese ver neste mapa:




Traballaremos con mapas, para poder facernos unha idea do percorrido de Pi na súa odisea:
Mapa do océano pacífico:


As principais liñas de navegación polo Pacífico son as seguintes



Precisaremos ademáis un mapa das correntes mariña, xa que Pi viaxou á deriva, sen ningún motor nin vela. Este é o mapa:


Cal foi a súa viaxe?


lunes, 24 de febrero de 2014

Metáforas filosóficas

O mércores falaremos de cine e filosofía, un tándem perigoso, pero quen sabe se será a única esperanza que lle quede ao discurso filosófico nas aulas. Agardemos que non, entre tanto buscaremos formas de abordar "Metáforas filosóficas" que o cine usa en ocasións, para aprender filosofía vendo películas.

lunes, 3 de febrero de 2014

A Vida de Pi . Análise dos carteis

Facendo un repaso dos carteis anunciadores da película podemos aprender algunhas cousas, a pouco que nos fagamos preguntas. Cal dos carteis reflicte mellor a trama? En que queren que deteñamos o noso pensamento?  que queren dicir?


Se votamos un repaso só dous restan protagonismo ao tigre na película. Semella que o Tigre é o personaxe principal, nalgún cartel, coma se o enfrontamento do home contra a fera fora o tema central.

Poidera ser, pero o 1º e o 3º concordan con outro aspecto da película que non deberiamos esquecer: a grandiosidade da natureza fronte ao ser humano.  Pi enfrontase a unha natureza para a que o home non merece ningunha atención nin respecto especial, e ante ela atópase desprotexido e só fía en Deus e no sino. 

O derradeiro cartel que propomos fai fincapé no enfrontamento entre Pi e o tigre, opoñéndoos coma se fosen as dúas caras dunha mesma moeda, aludindo ás dúas facianas da natureza humana, a domesticada pola cultura e por outra banda a da "fera home" que nunca nos abandona de todo e que aparece cando loitamos por sobrevivir. 

Temos pois, coma elementos da película, dúas loitas: a do home coas forzas da natureza e a do home contra a súa propia natureza. Quizáis non sexan dúas loitas que poidamos separar. 

sábado, 1 de febrero de 2014

A Vida de Pi. Unha análise filosófica

LA VIDA DE PI

Este ano tócalle á película "A Vida de Pi". Na materia de  Historia e Cultura das relixións tentaremos abordar unha análise crítica da película: sentido, personaxes, moralexas e comparativas, ao redor dun filme que se propón coma unha busca de Deus. Afondaremos no papel que xogan as relixións, o seu sentido e fundamento, a súa presenza na película e abordaremos o sentido da vida e o papel da verdade na comprensión do mundo. Toda unha tarefa filosófica.
Comenzamos co trailer:



Quedade con nós e veredes...

martes, 28 de enero de 2014

A voltas co cine

Coma todos os anos encárganme da visión filosófica do tema do Ciclo de Conferencias que organiza todos os anos o IES. Neste caso deron coa miña debilidade. O cine é unha das ferramentas básicas na miña actividade docente hai moitos anos. Así coa escusa da preparación da miña charla tentarei ir explicando como traballo na aula con esta ferramenta, de forma que estas entradas poidan ser un anteproxecto de esa charla que virá.



Filosofía e ciencia ficción
Basicamente, a filosofía, é o intento de dar resposta ás preguntas que se formula o ser humano, tales como “que é o universo”, “cal é a natureza da realidade”, “a posibilidade de acceso ao coñecemento”, “o sentido da vida”. Todas estas preguntas e moitas outras teñen cabida na especulación filosófica, co único límite da racionalidade e a exclusión de xustificacións dogmáticas.
Os mundos narrativos teñen como fondo o mundo que asumimos como real e as súas leis deséñanse a partir da comprensión que temos do mundo real. Así, a narración de ficción constrúe mundos análogos ao universo real que permiten comprender mellor a estrutura da realidade e mesmo mostran aspectos desta que doutra forma permanecerían en penumbra. A ciencia ficción tense ocupado dos interrogantes metafísicos tratándoos cunha amplitude, liberdade e imaxinación que non pode permitirse a racionalidade filosófica.
Na ficción, a verdade asoma a través da fábula, como unha metáfora da realidade, de forma que podemos propoñer cuestións que transcenden a propia realidade. Todo traballo de ficción instala o espectador dentro dun novo sistema de realidade, con novas posibilidades, como se fose un viaxeiro a un novo mundo. O mundo de ficción ten o seu propio sistema de coñecementos, crenzas, soños e alucinacións que actúa coma un mundo de segundo orde para o espectador o que lle permite crear novas forma de enfrontar o mundo real.
Escritores como P. K. Dick ou Asimov deron lugar a obras (literarias e cinematográficas) nas que temas como “o sentido da vida humana” ou “a posibilidade de vivir nun mundo irreal” son o tema principal. Entre outros sirvan como exemplo:  Dark City (1998) dirixida por Alex Proyas e Desafío Total. (1990) dirixida por Paul Verhoeven. Solaris (1972) dirixida por Andrei Tarkovsky, xiran fundamentalmente ao redor de como se pode establecer un criterio de certeza para os nosos contidos mentais e sobre o criterio de realidade.  Blade Runner (1982) dirixida por Ridley Scott, I.A 2001 dirixida por Steven Spielberg. ou O Home Bicentenario 1999 dirixida por Chris Columbus. Fundamentalmente tratan sobre a definición do ser humano e o sentido da súa vida.